Os 15 seleccionados para o curso de fresa e roza promovido polo Concello comezan a formación nas empresas

As 15 persoas seleccionadas entre os 84 aspirantes presentados para participar no curso de fresa e roza mecanizada que organiza o Concello de Vilagarcía en colaboración con tres industrias do metal de Vilagarcía comezaron onte pola tarde a formación que lles permitirá adquirir uns coñecementos básicos pero esenciais para poder acceder a un contrato laboral en empresas do sector.

02.02.2020.- A concelleira de Promoción Económica, Alba Briones, desprazouse ás instalacións de Fundivisa, onde se desenvolverán as clases teóricas, para dar a benvida aos alumnos a alumnas e animalos a que saquen o maior proveito posible á experiencia que, debido ao compromiso de contratación do 30% dos asistentes que teñen empresas, algúns deles poden rematar o curso cun contrato laboral na súa propia localidades outros entrar nas listas para tirar de contratacións cando a demanda de produción o precise.

 

Nesta segunda edición do Plan de Formación Especializada con compromiso de contratación que promove e financia o Concello adheríronse, ademais de Fundivisa, que repite experiencia, Tune Eureka e Meycatec. As formación teórica desenvolverase integramente nas instalacións de Fundivisa no polígono de O Pousadoiro e a práctica nas tres firmas participantes.

A través deste innovador programa de 208 horas lectivas, das cales 128 serán teóricas e 80 prácticas, os alumnos formaranse nos procesos produtivos mecanizados de torno e fresa que se realizan nas empresas participantes, unhas labores moi específicas que precisan as industrias do sector metalúrxico. Desta forma resólvese a principal problemática coa que se atopan estas factorías á hora de contratar traballadores, posto que nos ciclos formativos regrados existentes non se ofrece formación práctica tan concreta.

 

Ademais de recoñecer o positiva que resulta esta innovadora iniciativa de colaboración público privada, o responsable de Fundivisa lembrou o bo resultado que tivo a primeira edición na que a empresa acabou contratando a tres alumnos. Os directivos das outras dúas firmas, que participan por primeira vez no programa, coincidiron ao asegurar que a formación que recibirán, aínda que básica, aportaralles grandes oportunidades para acceder ao mercado laboral en calquera empresa da metalurxia,l xa que os procesos nos que se van a formar, requírense e son moi similares en todos eles.



 

Os 15 seleccionados para o curso de fresa e roza promovido polo Concello comezan a formación nas empresas

Tres empresas –Thune Eureka, Fundivisa e Meycatec- asinaron un convenio co concello polo que ambas partes se comprometen a colaborar na formación e posterior contratación de persoas actualmente desempregadas que superen un curso de mecanizado coa especialidade de torno e fresa. O éxito da edición avala esta iniciativa, como se encargou de lembrar o xerente de Fundivisa, que o ano pasado chegou a contratar a tres persoas das que realizaron un curso similar.

 

29.12.2021. O obxecto do convenio é desenvolver un programa de cualificación profesional para persoas desempregadas. A formación mínima de acceso é a ESO ou, no seu defecto, un certificado de escolaridade. A ensinanza durará un total de 208 horas, das cales 128 serán teóricas e 80 prácticas. As accións comezarán ao longo do mes de xaneiro, tras unha selección que se canalizará a través do concello (Concellería de Promoción Económica, primeiro andar da Casa Consistorial) de acordo cos representantes de cada unha das empresas.

Así como o concello se compromete a sufragar os gastos da formación, as empresas asumen que contratarán un mínimo de alumnos durante ao menos 3 meses e en xornada completa.

 

PROCESO DE SELECCIÓN
O proceso de selección xa comezou, coa remisión ao Servizo Público de Emprego da información do convenio a efectos de facer unha sondaxe de posibles candidatos. Despois, os interesados deberán presentar o seu currículo-vitae. Finalmente, serán os departamentos de Recursos Humanos das tres empresas citadas os que elixan os quince candidatos.

 

O alcalde, Alberto Varela, puxo este convenio como exemplo do que debe de ser a colaboración público-privada na promoción económica e do emprego, e ademais, neste caso, nun sector tan característico da empresa local como é o dos mecanizados e a fundición. Un aspecto no que tamén incidiu o xerente de Fundivisa, Juan Antonio Moreira, que lembrou que dos tres traballadores que contratou o ano pasado a través de este sistema de formación previa, un segue na empresa e os outros dous, despois de superar a empresa un ERTE a causa da pandemia, xa non puideron volver porque xa encontraran traballo noutra firma do sector, o que demostra en calquera caso o éxito destas iniciativas de formación específica.